ícone carta
Contate-nos
ícone
Receba notícias
ícone lupa
Pesquise no site
adicionar aos Favoritos
Gostou? Adicione aos Favoritos!

CADERNOS DE VIAGEM

EUROPA - Espanha - Galícia

Tui - História (em galego)

Corría o ano 137 a.C. cando unha expedición romana encabezada polo Décimo Xunio Bruto chegaba á zona do Rio Miño. Despois de varias expedicións consegue o total dominio do noroeste, culminando estas da man de Augusto entre o ano 29 e o 19 a.C.

A antiga Tude (actual Tui), convértese no centro administrativo e militar da zona. A súa posición xeográfica é clave e reforzase a súa importancia co avance da cristianización que a converte en sede episcopal.

Debido á crises e posterior desaparición do imperio romano, comezaron as sucesivas invasións, e o pobo suevo exerceu o seu dominio, e administrou a zona dende principios do século V. Este control durou 150 anos, ata a súa integración no reino visigodo no ano 585, reino que se mantén ata a ocupación musulmana, que desaparecerá no ano 711.

No século IX prodúcese a recuperación do territorio de mans dunha potente clase nobiliaria galega, constituíndo condados que controlan Galicia ata o Miño. Tui nese momento é repoboada con poboación cristiá e a súa sede episcopal é restaurada. Continuará sufrindo ataques e saqueos durante os séculos seguintes de mans dos musulmáns e pobos nórdicos. No ano 1015, Tui, é saqueada e destruída polos normandos. A pesar diso, manterá a súa sede episcopal e continuará sendo punto estratéxico, producíndose un auxe da cidade debido ás doazóns e privilexios reais que adquire e a recuperación das súas actividades económicas. Este período próspero esténdese durante os séculos XI, XII e XIII, tendo lugar neste intre a construcción de numerosas igrexas románicas e a da propia catedral.

Tamén neste período se producen importantes fundacións monacais que impulsarán a actividade agrícola e controlarán as comunidades rurais. A partir do século XII o Cister está presente na comarca ó incorporar á súa orde ó Mosteiro de Oia.

É así, como se forman dous poderes que durarán ata o século XIX: o abade de Oia e o bispo de Tui. Estes dous señoríos exercerán a súa xurisdicción sobre a maior parte do territorio no que se refire a xustiza e administración pública, controlando ademais, a actividade agrícola e comercial. Para isto usaban un sistema de "Foros", consistente no pagamento dunha renda polo uso das terras. O bispado de Tui exercerá tamén o control sobre a pesca no rio Miño e o paso das barcas entre Tui e Valença.

Na primeira metade do século XII prodúcese un feito transcendental, o nacemento de Portugal como reino independente de Galicia e Castela. Nesta época o Rio Miño adquire o seu carácter de fronteira natural que aínda hoxe perdura.

Durante os séculos XIV e XV prodúcese unha importante crises económica, que será sucedida por unha serie de importantes guerras señoriais. O amplo control exercido polo bispado de Tui e o mosteiro de Oia, permítelles acumular grandes bens para despois investilos en obras arquitectónicas eclesiásticas.

No ano 1623 a cidade de Tui recibe o título de Moi Nobre e Moi Leal, ó que no ano 1885 engádeselle o de Excelentísimo Concello.

O sistema de foros continuará manténdose durante o Antigo réxime e na Idade media ata o século XIX. Debido a isto era imposible a transformación á agricultura capitalista. Os contratos de foros remataron no ano 1926 coa aprobación dunha lei que permite ós campesiños acceder á propiedade da terra que traballaban tralo pagamento dunha indemnización ós aforantes. Os acontecementos de Sobredo (Guillarei), nos que morreron labradores en enfrontamentos coas forzas do orden, enmárcanse no contexto das loitas campesiñas pola eliminación dos foros.

Outro fenómeno transcendente durante os séculos XIX e XX é a emigración, debido ás diferencias existentes entre a poboación galega e os seus recursos. No século XIX e principios do XX dita emigración realizase fundamentalmente cara América, pasando despois a mediados deste século cara Europa e as zonas de mais desenvolvemento dentro do estado español.

Na actualidade, Tui e a comarca do Baixo Miño están tratando de incorporarse á economía de mercado, realizando para isto unha modernización no ámbito da industria e da agricultura. Esta modernización está producindo nalgúns casos desequilibrios económicos e sociais que hai que superar para conseguir unha maior calidade de vida. Dentro desta modernización hai que ter en conta o maior nivel cultural que a poboación xoves do lugar está alcanzando, e esperar que isto repercuta nun impulso económico e social da zona.

Voltar a Tui ...



Criado e administrado por Marco Polo T. Dutra P. Silva

® Site registrado na Biblioteca Nacional desde 2003. A reprodução de partes de artigo é permitida desde que informado o título dele, seu autor e o endereço da página web correspondente.